20/04/20

Máis que nunca, precisamos dos nosos maiores


Sendo conscientes de que nunca poderemos devolverlles todo o que os nosos maiores fixeron, fan e farán por nós, esta emerxencia sanitaria por mor da COVID-19 mostra a importancia que teñen na nosa vida.
Estando inmersos nunha sociedade saturada, sen tempo para facer todas as tarefas que nos obrigan ou obrigámonos como se dunha carreira de relevos se tratase, os nosos maiores axúdannos coas crianzas, coa comida, coa súa compañía sempre leal, coas súas mostras de afecto («comiches ben? Abrígate! Ten coidado no coche!»), sempre discretos, calmos, sen querer molestar.


Os nosos maiores dannos a medida do que é importante na vida, e das que reparamos con pouca frecuencia, absortos como estamos en producir, tamén ás veces na loita por sobrevivir a unha maquinaria que nos afoga, na inquedanza de conseguir manter unhas condicións de vida dignas.
Os nosos maiores déixannos a herdanza dun enorme caudal de sabedoría, historias de superación, de afectos, coidados e axudas prácticas (cantos poderíamos traballar se os nosos maiores non nos botasen unha man?; cantas familias puideron resistir a crise económica dos últimos dez anos porque os maiores mantiñan o soporte económico?).


Entre tanto maremágnum de noticias sobre esta emerxencia sanitaria está pasando desapercibida a súa fortaleza, as súas ensinanzas para saír adiante e mostrar o mellor de nós.
Por iso, nestes momentos debemos corresponderlles do mesmo xeito, debemos protexelos das ameazas que cernen sobre a súa saúde, e sobre todo debemos saber transmitir o que estou segura que todos pensamos: necesitámosvos, sodes importantes, non pensedes nin por un momento que estades de sobra, que sodes prescindibles ou unha molestia.
Por desgraza, o sobreexceso de información ao que estamos sometidos, en ocasións terxiversando a situación real ou servindo de palestra para todo tipo de elucubracións e distopías, está favorecendo que as persoas maiores pensen que están de mais, que non teñen valor ou que lles espera unha morte indigna e chea de sufrimento. Así que, si temos que repetir ata a saciedade unha mensaxe será, ademais das medidas de protección e do fundamental que é quedarse na casa: ninguén sobra, ninguén ha de quedar atrás, disto saímos todos se mantemos a unidade e a pertenza colectiva, sen exclusións.


Necesitámonos e necesitamos aos nosos maiores, ou perderemos de forma inexorable unha parte da nosa identidade e biografía vital. E todas as apertas que están gardando para nós.

Por Rosa Cerqueiro Landín Psicóloga clínica e voceira do Movemento Galego da Saúde Mental

Sem comentários:

Enviar um comentário