Cando aparecen novos termos na lingua, non sempre sabemos usalos.
Estas semanas estamos a empregar palabras que nos resultan novas e que,
evidentemente, poden acabar sendo usadas con menos precisión da debida.
Falamos disto polos nomes que recibiu o novo tipo de coronavirus que
nos levou á corentena e mais a enfermidade que provoca. Vemos con
frecuencia que se emprega o termo *COVID-19 para falar do virus, pero,
en realidade, isto non é de todo correcto. Este coronavirus recibiu
diversos nomes no último mes: primeiro coñecíase como coronavirus de Wuhan, pola cidade da provincia de Hubei da China en que apareceu; posteriormente, como 2019-nCoV, seguindo unha primeira nomenclatura científica e, finalmente, foi denominado como SARS–CoV–2. A enfermidade provocada por este virus recibiu, pola súa banda, o nome de covid-19. Sobre esta denominación debemos facer unhas aclaracións.
Covid-19 é o nome da enfermidade, non do virus, e
polo tanto deberíase manter o xénero do substantivo que designa. Covid é
o acrónimo de COronaVIrus Disease, “enfermidade do
coronavirus”, polo que, en galego, debe dicirse “a covid-19”, do mesmo
xeito que dicimos “a sida” para nos referir á “síndrome de
inmunodeficiencia adquirida”.
No que respecta á ortografía dos acrónimos, temos diferentes formas de escribilo: todo en maiúsculas COVID; con inicial maiúscula e o resto minúscula Covid ou, se o consideramos un nome común xa lexicalizado, escribiríase todo en minúscula covid.
Hai varios exemplos na nosa lingua de palabras que son o resultado da
lexicalizacións de siglas ou de acrónimos, e que a día de hoxe
probablemente non identifiquemos como tales. É o caso de sida, que comentamos antes, ou láser
–acrónimo de amplification by stimulated emission of radiation,
“amplificación de luz mediante emisión inducida de radiación”- ou o caso
curioso de “tergal”, este coñecido tecido que recibe o nome dunha marca
comercial rexistrada, un acrónimo que se construíu sobre o elemento
ter- de [ácido] tér[eftálico], un dos compoñentes deste tecido- e -gal
-de gal[o].
Esperamos que a permanencia na nosa lingua deste virus pandémico non
lle dea tempo a lexicalizarse de xeito que o teñamos que incluír no
dicionario, pero mentres ande polas nosas vidas, e sexa tan común,
apuntamos un exemplo do que sería unha redacción recomendable para nos
referir a el e á enfermidade que provoca: “o SARS-CoV-2 é o causante da
covid-19”, aínda que, no caso do virus, sempre podemos optar por dicir
simplemente o coronavirus.
Sem comentários:
Enviar um comentário