25/03/20



«Sempre Xonxa», «Continental» e «Urxa», películas fundacionais do cine galego, dispoñibles na web

A TVG e o Consello da Cultura colaboran nesta iniciativa que achega tamén unidades didácticas sobre os filmes

 

Hai obras que por moito tempo que pasen seguen sendo contemporáneas, como se quedaran pegadas ao porvir dun pobo. Sempre Xonxa, a primeira longametraxe rodada integramente en Galicia e en lingua galega, é unha desas obras mestras que aínda hoxe, trinta anos despois da súa estrea, seguen estando de actualidade. Coincidindo co 25 cabodano do pasamento, este sábado, de Chano Piñeiro, a TVG pon a disposición da audiencia a película protagonizada por Uxía Blanco na que se relata, entre o humor e o realismo máxico, a historia de Xonxa, Pancho e Birutas, que van medrando a medida que na pantalla se vai contando tamén a historia de Galicia entre os anos 50 e a década dos 80, unha época marcada polo éxodo rural e a emigración, tanto a que rematou con éxito como aquelas vidas nas que a diáspora trouxo miseria.
A Televisión de Galicia colabora tamén co Consello da Cultura no especial 30 anos de audiovisual galego, un proxecto no que se traduce un espazo web no que ao longo de todo o ano poderase visionar non só Sempre Xonxa, senón tamén Continental e en breve engadirase Urxa, os tres filmes estreados naquel histórico Cinegalicia de 1989 no cine Fraga de Vigo. As tres longametraxes están ademais acompañadas dunha unidade didáctica que permite afondar nas implicacións sociais e culturais que supuxo o nacemento do audiovisual galego e o seu percorrido histórico ata hoxe.
Santiago / La Voz

Sem comentários:

Enviar um comentário