A escritora Marilar Aleixandre publicou en Nós Diario este artigo sobre este novo virus que nos puxo en modo "corentena"
Nove reflexións sobre o coronavirus
Unha, S de saúde: o sistema de saúde público é o
único que pode ter conta dunha crise desta magnitude. En Galicia e
España temos un dos mellores sistemas sanitarios do mundo. Cómpre pedir
contas aos gobernos que levan anos detraendo cartos e recursos da saúde
pública e transvasándoos á privada.
Dúas, P de pánico: o pánico é inútil e improdutivo.
Tres, D de disciplina: precisamos un chisco de disciplina colectiva.
Nese sentido podemos aprender algunhas leccións de China e de como en
dous meses están logrando conter o andazo. Algunhas, non todas, pois non
podemos sacrificar a liberdade de prensa nin outros dereitos
individuais. Coñecín algo da cultura confuciana en viaxes de traballo a
Corea do Sur e Vietnam o ano pasado: en xeral a disciplina é valorada,
mentres que entre nós ten connotacións negativas. Hai quen considera
estupendo ignorar as normas de circulación ou a prohibición de fumar,
chegar con retraso ou mercar marisco en veda. Advirto que a indisciplina
non ten nada que ver coa rebeldía fronte ás inxustizas.
Catro, C de cooperación: a crise é unha boa oportunidade para
desenvolver a solidariedade, así cooperar coa veciñanza ou outros nais e
pais para coidar das criaturas durante o peche das escolas. Emocionan
as iniciativas de estudantes universitarias ofrecéndose voluntariamente.
Cinco, R de responsabilidade: é esencial un comportamento individual
responsábel, atender recomendacións como chamar por teléfono ante os
síntomas de contaxio e non ir de contado aos centros médicos, evitando o
colapso. Lavar as mans é unha das medidas máis eficaces (e baratas).
Seis, A de acaparamento: somos seres sociais, é necesario compartir
recursos. Acaparar máscaras ou roubalas nos hospitais é ruín. Arramplar
con montes e moreas de comida ou papel hixiénico nos supermercados é
disparatado.
Sete, E de economía: talvez cheguemos a nos contaxiar 60 ou 70% como
di Angela Merkel. Porén, o que é seguro son as consecuencias económicas,
os danos para as pequenas empresas, especialmente para quen traballan
en sectores relacionados con hostalaría ou turismo. Se isto leva a
mudanzas dunha economía baseada no turismo, por outra fundamentada na
innovación e a industria, sería unha boa aprendizaxe.
Oito, L de libros: que facer con nenos e nenas cando as escolas están
pechadas? Hai un artefacto de papel no que están moitos mundos
posíbeis. Tamén camiñar polo monte.
Nove, M de médicas e médicos: grazas!
Nós Diario, 14/03/2020
Sem comentários:
Enviar um comentário