09/10/14

Ébola

Ébola

Aínda que hoxe xa case dea igual, o Ébola é un río. Un curto percorrido fluvial de 250 km que desemboca no río Mongala, afluente á súa vez do poderoso río Congo. Foi nas beiras dese río, na aldea de Yambuku, na República Democrática do Congo, onde se diagnosticou no 1976 unha estraña enfermidade. A primeira persoa que morreu por causa da doenza foi o director da escola local, Mabalo Lokela.
Os investigadores decidiron tempo despois bautizar o virus mortal que provoca a febre hemorráxica co nome daquel río. O que en tempos seguro designaba unha corrente de vida, con fauna e flora que vivía da súa auga, é hoxe símbolo de morte, unha desas palabras do vocabulario do terror.
En galego debemos escribir ébola con minúsculas cando fagamos unha elipse co nome da enfermidade: “Unha auxiliar de enfermaría, primeira vítima do ébola no Estado español”. Declínase en masculino por virus.
Xustamente, cando falemos do virus debemos utilizar a maiúscula: “Xa son máis de dez mil os afectados polo virus do Ébola no 2014″. Tamén se falamos de enfermidade ou de febre hemorráxica. “A febre do Ébola maniféstase de xeito semellante a unha gripe con complicacións gastrointestinais”.
Non se recomenda falar de virus ébola (tampouco virus Ébola) xa que se considera un calco do inglés.

Sem comentários:

Enviar um comentário