"Con máis de 50.000 entradas, o novo Dicionario da Real Academia Galega xa é consultable e, entre outras utilidades, conta coa posibilidade de escoitar a realización sonora das palabras.
Elaborado a partir dun amplo corpus do galego moderno, o seu carácter é normativo, polo que unha busca no Dicionario
ofrece información sobre a pronuncia, grafía e significados correctos
da palabra. Achega, ao mesmo tempo, información gramatical (xénero dos
substantivos, formación do feminino, réxime dos verbos...) e, cando é
pertinente, sobre o nivel de uso (rexistro formal ou familiar). As
acepcións do termo buscado acompáñanse de sinónimos, antónimos e voces
próximas semanticamente, ademais de ilustrarse con varios exemplos de
uso. Asemade, o Dicionario incorpora a terminoloxía científica
manexada nos niveis de estudos medios, así como as locucións e os
fraseoloxismos de maior relevancia, cos seus significados e exemplos
correspondentes.
No que se refire á súa consulta en liña, a
páxina propón un sistema preditivo de busca que facilita a procura do
termo. Na marxe dereita preséntanse os termos máis buscados polo público
e a definición dunha "palabra á toa", ademais dun formulario que
permite enviar calquera suxestión para favorecer unha mellora constante
do dicionario. Ademais, unha aplicación permítenos enviar a Twitter a
procura realizada, contribuíndo, deste xeito, á socialización do galego
no seo das redes sociais.
Estamos, finalmente, perante un
dicionario que pretende ser respectuoso cos dereitos das persoas, dos
grupos sociais e dos pobos; un dicionario que ten en conta o principio
de igualdade e rexeita as discriminacións por razóns de xénero, raza ou
relixión".
Ir ao dicionario da Real Academia Galega
30 de marzo de 2012. RAG
Sem comentários:
Enviar um comentário