A
compañía compostelá Chévere, en colaboración con Redenasa.TV, está a
preparar un experimento teatral que levará a obra de Romeo e Xulieta ao
contexto dun instituto Boirés e será representada polos rapaces deste
institutuo a través da web e das redes sociais. A obra leva por título
Amores Prohibidos 2.0 e ten como transfondo o conflito lingüístico,
substituíndo as familias rivais dos Montesco e os Capuleto por dúas
pandillas enfrontadas polo uso da lingua, uns galegofalantes e outros
castelánfalantes.
O desenvolvemento desta particular función realizarase en tempo real
durante 6 días -aproximadamente o tempo narrativo que emprega
Shakespeare na obra orixinal para contar a historia- entre o 20 e o 25
do vindeiro mes de abril. O público poderá seguir os acontecementos que
se narren a través dun sitio específico creado dentro de RedeNasa.TV,
e tamén a través doutras redes sociais como Tuenti, Facebook ou
Twitter. Cada personaxe terá un perfil en Redenasa e nas redes que máis
se lle axeiten, e contará a historia mediante diálogos, fotos ou vídeos
que eles mesmos suban. Como apoio existirá a figura dun narrador,
Xesp1r, encargado de comentar o que fagan ou digan os personaxes e
enfiar unha narración de natureza fragmentada e deconstruída.
Non é a primeira vez que esta obra de Shakespeare é usada como
experimento de narrativa transmedial: en 2010 a Royal Shakespeare
Company levou a cabo unha experiencia similar pero usando soamente
Twitter, e estirando a narración en tempo real a 5 semanas. A partir
dese concepto, e dunha idea previa que tiña Chévere de adaptar Romeo e
Xulieta ao conflito lingüístico, xestouse o proxecto Amores Prohibidos 2.0.
O equipo de dirección desta obra está formado por Xesús Ron, Xana García e María Yáñez, esta última tamén investigadora do proxecto Le.es. Polo de agora o proxecto poderá seguirse a través do seu blog.
Vía: proxectole.es
Sem comentários:
Enviar um comentário