Ir a Vigo e non darlle unha aperta a este gran home
que foi Valentín é algo que me fai pensar con nostalxia na súa tarefa
orientada a que este Vigo chegara a ser a capital mundial da pesca. Por
certo que coa excepción do seu fillo Alfonso, que recordou a seu pai no
discurso inaugural da World Fishing Exhibition, ningún dos informadores e
columnistas de este acontecer, que eu recorde, se acordaron de
Valentín, a excepción onte de Víctor F. Freixanes nestas mesmas páxinas.
Valentín Paz-Andrade estableceuse en Pontevedra en
1921 como avogado. Alí atopouse con Castelao, que fora para «o seu
Pontevedra» no 1916. Valentín traía xa ensinanzas patrióticas do seu tío
Juan Bautista Andrade, a quen non deixou de admirar na súa vida. Con
Castelao e Losada Diéguez, Valentín estaba na cerna do galeguismo, de
xeito que cando mandan no 34 a Castelao a Badajoz, Valentín o substitúe
na secretaría do Partido Galeguista. Ninguén sabía máis de Castelao que
Valentín, e así puido escribir esa biblia que é Castelao na luz e na sombra .
A pesca, a economía da empresa, foron as ideas de
Valentín para Vigo. Isto que ven de lonxe ten moito que ver co
desenvolvemento que adquiriu Vigo na pesca que trouxo a todo o mundo
nestes acontecementos que organiza e preside o seu fillo Alfonso. Dende
o ano 22, os Paz-Andrade tiñan a revista Industrias Pesqueras , que si non é a única que hoxe se publica no mundo, si é a mellor.
No 1950, a FAO nomina a Valentín Paz-Andrade o
primeiro experto español na economía pesqueira. Dirixía os organismos da
FAO outro galego excepcional na ciencia e na política: Osorio Tafall.
Con tal motivo, os armadores de buques pesqueiros da Coruña organizaron
un banquete-homenaxe a Valentín nun célebre restaurante que había na rúa
dos Olmos, que ateigouse de xente. Eu senteime a carón dun vello
galeguista íntimo de Ánxel Casal até o punto que a súa filla, a Nena
para nós, era e é, afillada de Casal. Refírome a Benito Ferreiro. Ao ser
un acto importante que distinguía a unha institución internacional, o
réxime quixo estar presente e facerse notar, e mandou a un delegado de
pesca que pediu que de aquel acto saíse un telegrama saudando a o gran
pescador de España, Francisco Franco. Xa antes de rematar estas verbas
Benito Ferreiro empezou a berrar: «Quero mexar», «vou mexar», repetíndoo
con risas e aplausos de moitos comensais. Eu, e outro que estaba ao
lado de Benito, tratamos de sentalo e calmalo, pero el seguía nas trece
que quería mexar, e facía esforzos para se erguer. Unhas palabras do
homenaxeado Valentín lograron poñer orde. Ao día seguinte Benito
Ferreiro foi citado e lavárono ao gobernador civil, quen lle mostrou un
retrato de Franco preguntándolle se sabía quen era, pois se trataba dun
personaxe que cando escoitaba o seu nome lle entraban ganas de orinar.
Reprendeuno, pediulle que non voltara facelo, e despediuno sen máis.
Volvendo á World Fishing Exhibition, indudablemente
resultou ser un espectáculo único, de gran peso político, que une
ciencia e produción económica. Alfonso falou con gran sabedoría, da fame
no oriente de Asia, da pesca ilegal, invocando un cambio na xestión en
todo o mundo, da proteína animal que provén da pesca nun gran
porcentaxe. Fóra da Feira, nos medios houbo discrepancias. Alfonso coida
que Galiza ten pouco espazo para a gran acuicultura. Hai que ir a
Brasil ou á India. Non é este o pensamento de certos lobbys .
Hai que felicitar á banda de música da raíña Isabel
II, exemplo rigoroso de perfección e honestidade histórica. Non podemos
dicir o mesmo do noso grupo de gaitas disfrazado de non sei que.
Isaac Díaz Pardo: Crónicas inconformistas Valentín Paz-Andrade
Luns 21 de setembro de 2009
Sem comentários:
Enviar um comentário