Unha idea guai
- Oe, pai, ¿ti fixeches hoxe a túa cama ?
- ¿A cama? ¡Nooooon! ¿Por que?
- ¿E quen a fixo?
- Túa nai.
- ¿E faina sempre miña nai?
- Si.
- Pois iso non está ben.
- ¿Por que? ¡Que parvadas dis! ¡Vai xogar e déixame ler o xornal!
- Oe, pai.
- ¿Queeeeee?
- Que vou facer a miña cama, pero non sei como. ¿Axúdasme?
- Dillo á túa nai.
- É que quero que me axudes ti.
- ¿Por que? ¡Mira que estás pesadiño hoxe coa cama!
- Porque non quero que sexas un machista.
- ¿Machista? ¿Eeeeeu? ¿Pero quen che meteu esas
ideas na cabeza?
- A profesora dixo que temos que colaborar en casa.
- Moi ben, eso paréceme ben. ¿E iso que ten que ver con que eu sexa machista ou non ?
- Pois que cando a profesora se puxo a poñer exemplos de como axudar : que se poñer e quitar a mesa, que se coller as bolsas da compra, que se facerse a cama... Raúl dixo que iso eran cousas de chicas e que el non era unha chica e que seu pai non fai ningunha desas cousas e el en casa fai o que fai seu pai. ¿E a que non sabes que fai seu pai en casa?
- ¡Nooooon!
- Pois mercar o xornal e poñerse a lelo e a ver a tele, mentres a súa nai faino todo. E entón a profesora explicounos que a eso se lle chamaba ser machista porque a nai de Raúl traballa fóra de casa igual que o seu pai, ¿sabes? E dixo que ser machista non é bo porque os homes e as mulleres son iguais, e os nenos e as nenas tamén, e ata os avós e as avoas e tamén dixo que…
- ¡David! ¡Basta xa! ¡Vasme volver tolo con tanta explicación! ¡Xa entendín!
- ¿De verdade, pai? ¿Entón vasme axudar a facer a cama?
- ¡A cama, a cama! ¡Ben, está ben!
- Oe, pai.
- ¿Queeeeee?
- ¿A que esta idea da miña profesora é guai?
- ¿Que idea?
- A de facer a miña cama xuntos.
- ¡Veña, tira da saba e cala un pouco, pesado! Cando vexa a túa profesora voulle dar eu unha idea guai…
Vía: A transversalidade na titoría: en busca da igualdade de xénero.
(Material elaborado por Xoán Carlos Abad Gallego e Miguel Pérez Lorenzo onde se recollen actuacións experimentadas no IES Chapela (Redondela) desde o curso 1998/99 ata o 2005/2006 )
Sem comentários:
Enviar um comentário